Nos últimos tempos vimos comprobando como a maquinaria represiva do estado está a funcionar cada día a maior potencia segundo maiores e máis combativas sexan as protestas ou reivindicacións. Xa no seu momento denunciamos as gravísimas agresións ao estudantado de valencia que foi acusado como «o inimigo» así como apoiamos diversas accións de solidariedade e denuncia pola represión sufrida polo movemento obreiro e, en especial, activos militantes do sindicalismo combativo.
Os precedentes simplemente póñennos sobre aviso do cáliz dos acontecementos, onde o sistema xa non ten vergonza en mostrar a súa carauta máis represiva e policial á cal non escapa ningún sector xa sexa obreiro ou estudantil. E esa é a situación á cal se enfrontan varias compañeiras e compañeiros da nosa organización que veñen de recibir no seu domicilio sancións administrativas que ascenden a máis dun millar de euros.
O pasado 10 de maio vivimos unha xornada de folga no ensino como protesta aos recortes presentados polo Partido Popular. No contexto desa folga, as compañeiras de Vigo realizaron diversos piquetes informativos para pór ao corrente do que estaba a acontecer ao estudantado. Nun deses piquetes informativos, a Policía do Estado Español, actuando como verdugo do poder, multou a un grupo de compañeiras por suposta «manifestación no comunicada y obstaculizar grabemente la circulación» (sic), dando conta do seu nivel educativo e de en que nos queren converter. Estas multas, inxustas, xa que foron interpostas por motivos totalmente falsos e inventados, ascenden a máis de 300 euros cada unha.
Poucos días despois, no peche realizado en Intercentros, no campus de Lugo, máis dunha ducia de persoas foron “identificadas aleatoriamente” mentres realizaban unha actividade de axitación e difusión do propio peche e das reformas impulsadas polo goberno español, que remataron en multas de 200 euros.
Desde a Liga Estudantil Galega queremos denunciar a gravidade dunhas sancións totalmente desproporcionadas tanto polos feitos acontecidos como polas cuantías das mesmas. Malia todo manifestamos que non conseguirán silenciar ao movemento estudantil galego e combativo porque seguiremos dando a cara, denunciando a mercantilización do ensino, as políticas de desmantelamento do ensino público e recortes do partido popular e mostrando a nosa adhesión e apoio aos movementos obreiros en defensa dun salario e dunhas condicións laborais dignas!







