Que é a Liga Estudantil Galega?
A Liga é unha organización estudantil que busca un ensino público, galego, democrático, de calidade e non patriarcal. Somos unha organización aberta, que se rixe pola democracia interna e o asemblearismo, con independencia de calquera outra organización estudantil ou política. Pode participar na Liga calquera estudante de ensino medio, formación profesional ou Universidade que concorde cos nosos principios. A nosa acción vai encamiñada á transformación do modelo actual de ensino, pero tamén ao conxunto da sociedade. Encadrámonos na esquerda transformadora, xa que entendemos que son as maiorías sociais como suxeito político activo quen deben levar a cabo o proceso de emancipación social asumindo o socialismo como alternativa política estratéxica. Asumimos tamén o nacionalismo soberanista, xa que entendemos que, en boa medida, as eivas estruturais no ensino e no conxunto da sociedade veñen derivadas da falta de soberanía que corresponde como Pobo reivindicando e defendendo o dereito de autodeterminación do Pobo galego no horizonte da construción dunha República Galega.
Que facemos?
A Liga realiza actividades moi diversas, dende charlas de formación e información, a actos culturais, pasando por actividades lúdicas. O noso traballo vai encamiñado a modificar o actual sistema de ensino, un sistema que só ten ao estudantado como suxeito pasivo, unha fábrica de títulos sen a xeración de ningún outro valor. Por isto, tanto o traballo institucional como na rúa ten como fin a consecución dun modelo de ensino válido para Galiza, que solucione os problemas reais do estudantado (postos de traballo no futuro, bolsas, aloxamento, transporte…), á vez que supoña un piar esencial para o desenvolvemento do País.
Como participar?
Se queres participar na Liga, o único que tes que facer é asistir ás Asembleas que se realizan periodicamente no teu centro. Se non existe a Liga no teu centro, só tes que enviarnos un correo a nacional@ligaestudantilgalega.info ou deixarnos unha mensaxe no formulario de contacto para poder participar no centro máis próximo.
Que queremos?
A Liga Estudantil Galega asume un posicionamento ideolóxico e renegamos das organizacións que se declaran apolíticas ou sen ideoloxía. A nosa acción vai encamiñada á transformación do modelo actual de ensino, pero tamén o conxunto da Sociedade. Encadrámonos na esquerda transformadora, xa que entendemos que son as maiorías sociais como suxeito político activo quenes deben levar a cabo o proceso de emancipación social.
Asumimos tamén o nacionalismo soberanista, xa que entendemos que en boa medida as nosas eivas estruturais no ensino e no conxunto da Sociedade veñen derivadas da falta de soberanía que nos corresponde como Pobo.
As nosas reivindicacións, entre outras, son:
- Defensa activa do galego: cumprimento dos Plans de Normalización Lingüística. O Ensino galego debe empregar o noso idioma en tódolos ámbitos.
- Universidade Única: É necesario un cambio estrutural no sistema universitario galego, por eso vemos necesario a creación dunha universidade galega única pensada en clave de País, ao servizo das clases traballadoras de Galiza.
- Democratización do modelo de ensino: Amosámonos en contra do actual modelo estamental que rexe as institucións do ensino, onde o estudantado é un mero espectador sen capacidade de decisión real sobre os temas que lle afectan. Polo tanto, é necesario camiñar cara unha paridade real na toma de decisións. Somos nós quenes decidimos sobre o noso ensino.
-Modelo de avaliación: apostamos firmemente por un modelo de ensino non memorístico e que se basee exclusivamente na avaliación a través de exames. Se aspiramos a un verdadeiro ensino científico e de calidade, é necesario que se apliquen novos xeitos de avaliación encamiñados á reflexión e ao debate, e non a simples clases maxistrais cun estudantado como suxeito pasivo.
-Igualdade real de xénero: Nas aulas perpetúanse os roles do patriarcado, na segregación sexual das carreiras (técnicas/humanidades), no esquecemento intencionado nos planos de estudo das aportacións das mulleres nas distintas disciplinas académicas, etc. Fronte a igualdade formal, defendemos unha igualdade real.
- Incremento do Financiamento: É preocupante como se reducen partidas orzamentarias para o ensino á vez que se manteñen axudas aos colexios privados. A situación da Universidade é dramática, cun 20% menos de financiamento dende que o PP volveu á Xunta.
-Incremento do aloxamento universitario: En Galiza amósase un grave problema neste eido. É necesario incrementar a cantidade de prazas públicas nas residencias, e regular a situación dos pisos de alugueiro para garantir a súa calidade e controlar os prezos, que en moitas ocasións son prohibitivos para o estudantado.
Organízate e loita con nós!









