En destaque, Novas|28/06/2012 08:42

Reivindicarse con orgullo

O pasado 23 de xuño celebrouse o centenario do nacemento de Alan Turing, un dos pais da ciencia da computación e da intelixencia artificial.

Este precursor da informática moderna é abondo coñecido polos seus traballos informáticos e algorítmicos e, sobre todo, polo seu traballo por descifrar os códigos da máquina de criptografía Enigma coa que Hitler se comunicaba coas súas tropas.

Porén, por poucos é sabido que a súa carreira se derrubou polo feito de ser homosexual, e con ela, a súa vida. Malia ao importante papel que este científico tivo na II Guerra Mundial, o goberno británico, ao coñecer a súa condición, non dubidou en procesalo por homosexual, imputándolle os cargos de indecencia grave e perversión sexual (os mesmos que a Oscar Wilde máis de medio século antes). Convencido de que a súa condición non era un delito, declinou a súa defensa e asumiu someterse a un tratamento hormonal como pena. Dous anos despois de ser xulgado, Turing suicidouse envelenándose con cianuro, ao non poder soportar a súa situación e as consecuencias que o tratamento tiña no seu corpo.

Non foi até 2009 cando o goberno británico se desculpou polo trato que recibiu Alan Turing no final da súa vida, pero malia isto, en 2012, o Parlamento británico negoulle o indulto.

Hoxe, 28 de xuño, celébrase o día internacional do orgullo LGTB, unha xornada festiva pero tamén de reivindicación, xa que a sociedade xusta na que todas poidamos ser libres, non discriminadas nin xulgadas pola nosa condición aínda está por conquerir.

No contexto de crise e recortes sociais que estamos a sufrir é de máis importancia se cabe loitar polos nosos dereitos. Nesta época na que a dereita nos (mal)goberna, os seus poderes reaccionarios non dubidan en impor a súa ideoloxía, recalcando máis aínda os valores tradicionais, católicos e patriarcais que historicamente se transmitiron desde a educación.

A concienciación do estudantado é fundamental para erradicar o sistema binario sexo-xénero e construír unha sociedade máis xusta, na que non se discrimine por identidade de xénero ou opción sexual.

Desde a Liga Estudantil Galega, asumimos as reivindicacións dos colectivos LGTB e reclamamos a a visibilización e o dereito a unha sexualidade libre sen imposicións patriarcais.

  • Share this post:
  • Facebook
  • Twitter
  • Delicious
  • Digg