A Liga Estudantil Galega subscribe o documento presentado polos representantes de estudantes das Universidades de Galiza, e fai as seguintes consideracións en relación á convocatoria do propio CEUNE e as contrarreformas do Goberno do PP.
A convocatoria do CEUNE faise con máis de 6 meses de retraso en base ao regulamento do organismo. Pasaron máis de 9 meses dende a última vez que fora convocado. Polo tanto, as palabras do Ministro no seu informe sobre o interese que tiña en falar co estudantado son simplemente un lavado de cara.
Ademáis, a convocatoria do CEUNE (supostamente un órgano “consultivo”) faise unha vez as principais contrarreformas foron xa aprobadas. Polo tanto, o grao de “consulta” que se fai diante do estudantado é nulo, o único obxectivo é buscar unha imaxe conciliadora e dun falso diálogo cun estudantado que ás claras se amosa contrario e en pé de guerra contra estas medidas.
O CEUNE, como organismo de “representación estudantil” non conta ca máis mínima lexitimidade. O presidente é o propio Ministro, o que impide a autoorganización estudantil, o Primeiro Vicepresidente e outros 5 membros do organismo son postos a dedo por el, o que de facto significa 7 votos do Ministerio no organismo. Aparecen representadas as universidades privadas en igualdade de condicións, o que de facto supón unha inxerencia do sistema universitario privado no desenvolvemento das políticas educativas, un suposto servizo público.
Por outra banda, outorga representación a organizacións estudantís que supostamente teñen un arraigo no modelo estatal da representación estudantil. Precisamente organizacións afíns ao goberno de turno e que só responden aos seus intereses clientelares.
Para evitar que outras organizacións poidamos participar deste modelo de representación, é obrigado ter representación en diversas CCAA, o que a todas luces é unha busca de limitar o papel daquelas organizacións que temos un arraigo territorial claro cun posicionamento político contrario ao centralismo polo que aposta o organismo.
A intervención do Ministro no propio CEUNE foi un claro exemplo de que tipo de políticas queren levar a cabo: mellora da “empregabilidade”, polo que supostamente a Universidade pública debe formar xente para o mercado laboral, cando o proceso debería ser á inversa: o mercado laboral debe adaptarse ao desenvolvemento social que propugna unha universidade pública e crítica. Somos persoas, non mercadorías.
O Ministro falou dun “excedente” de estudantes nas ciencias sociais, dun exceso de Universidades, da necesidade de transformar o modelo de financiamento para “harmonizalo” (o que significa suba de taxas), do negativo da autonomía universitaria, ou do “custo do non rendemento” afirmando que o estudantado do Estado tarda moito en obter un título. En lugar de afirmar que esto se debe a un mal sistema universitario, o posicionamento do Ministerio é que hai que fomentar o esforzo, e para iso é positivo incrementar os prezos públicos.
Toda esta situación lévase a cabo nun contexto terrible para o sistema universitario público. A liña trazada nos últimos 10 anos na aplicación do Espazo Europeo de Educación Superior agudiza nestes momentos a súa presenza cas reformas que o Partido Popular está a levar a cabo: afogamento das Universidades públicas pola falta de financiamento, incremento de prezos públicos ao estudantado, precarización da calidade docente ao non permitir a contratación ou renovación de contratos, supresión de bolsas, transformación de bolsas en empréstitos, endurecemento das condicións para obter unha axuda, ou a última proposta de aplicar tres reválidas no ensino obrigatorio para a segregación do estudantado supoñen algúns exemplos dun ataque sen precedentes que terá unhas consecuencias nefastas para o ensino público, que en última instancia é un dos máis importantes piares para o desenvolvemento dunha Sociedade crítica e libre.
Ante esta situación, a Liga Estudantil Galega pide a dimisión do Ministro de Educación por ser o principal valedor dun proceso que rematará no desmantelamento da Universidade como servizo público, e, por coherencia, o representante da Universidade de Santiago de Compostela, membro da nosa organización, abandonou a sesión do CEUNE denunciando estas cuestións.
En defensa do ENSINO PÚBLICO
Nin un paso atrás!







