O Consello de Universidades vén de aprobar no día de onte unha drástica suba das taxas inserida na liña de ataques ao ensino público que se veñen realizando desde a Xunta de Galiza. Así pois, e malia que a primeira matrícula non sofre cambios como pediran os reitores das universidades galegas, nas titulacións de grao e antigas licenciaturas as taxas increméntanse até o 30% na segunda matrícula, o 65% na terceira e o 90% en cuarta e sucesivas matrículas, o que supón un novo e durísimo ataque á universidade pública no camiño da mercantilización iniciada hai anos coa aprobación do Espazo Europeo de Educación Superior e a elitización da mesma onde só poderá estudar quen máis recursos económicos teña.
Faise, mais unha vez, recaer nos ombreiros do estudantado a responsabilidade da non superación académica dunha materia coa penalización abusiva das taxas da mesma, sen aparentemente ter en conta que existen moitas en todas as carreiras e áreas de coñecemento onde existen gran cantidade de suspensos que non son sempre achacábeis ao pouco estudo do alumnado.
O pasado venres 29 de xuño o Ministerio de Educación tamén presentaba o borrador da Reforma educativa e aprobaba xa as modificacións nos criterios para a obtención das bolsas.
Así, o vindeiro curso 2012-2013 a nota media para obter unha bolsa manterase no 5,5; mais haberá que ter aprobados o 65% dos créditos nas carreiras de Enxeñaría e Arquitectura, o 80% nas carreiras de Ciencias e Ciencias da saúde, e o 90% nas titulacións de Humanidades, e Xurídico-social. Como gran novidade, de non aprobar o 50% dos créditos, haberá que devolver a bolsa na súa integridade.
De cara ao curso 2013-2014 a nota media para obter a bolsa suben até o 6,5 e as porcentaxes de créditos superados aumentan até o 100% en todas as titulación agás nas Enxeñarías e Arquitectura, que se sitúa no 85%.
Os mestrados tamén sofren estas reformas, onde os prezos son xa abusivos e mesmo prohibitivos para gran parte do estudantado, e os títulos de Formación Profesional tamén ven incrementadas as esixencias para a obtención de axudas, o que suporá sen dúbida o abandono dos estudos de boa parte da mocidade.
Desde a Liga Estudantil Galega denunciamos o golpe case definitivo que se lle está a dar á educación pública tal e como a coñecemenos, levando a cabo as reformas en período vacacional para evitar a contundente resposta estudantil que sen dúbida terían. Malia isto, é a nosa intención impulsar, conxuntamente co resto de organizacións e movementos estudantís, mobilizacións tan pronto como comece o vindeiro curso.
Témol@s que parar!







