Rematabamos dicindo o pasado ano nos días anteriores á celebración da Patria Galega, Saúde e Terra! e así o desexamos de novo a todas as galegas e galegos que un ano máis penduramos a nosa bandeira dos balcóns, proclamamos con máis orgullo que nunca o feito de sermos galegos e saimos á rúa para reivindicar soberanía para o noso pobo.
No contexto no que nos inserimos, onde o capitalismo agoniza dunha forma cada día máis evidente mostrando a súa face máis brutal e despiadada, a mocidade galega en xeral e o estudantado en particular non pode quedar á marxe. Os gobernos galego e español, seguindo os ditados das políticas neoliberais, afogan día tras día a quen non creou esta crise, ás clases populares, que ven reducidos sistematicamente os seus dereitos. E é a educación un dos eidos que os especuladores sinalaron para o seu total e progresivo desmantelamento. Só así se explica o camiño trazado, sobre o cal xa o nacionalismo leva advertindo moito tempo, de mercantilización e progresiva privatización de servizos facendo do ensino un negocio moi rendíbel para os seus intereses.
A brutal subida das taxas universitarias anunciada para o vindeiro ano, unida xa aos recortes orzamentarios, os recortes á investigación, a externalización de servizos e moitas outras medidas, teñen que dar lugar a unha forte contestación estudantil unitaria, continuando a vaga mobilizadora que se comezou ao final do pasado curso, co fin de demostrar na rúa o noso rexeitamento a todas estas medidas, co obxectivo irrenunciábel da súa paralización e retirada.
Mais non podemos cair no erro que sería reivindicar simplemente a volta ao estado do sistema educativo anterior ás reformas porque as medidas lesivas co mesmo non responden só aos caprichos do Ministro de Educación ou a unha mala xestión do goberno de turno, é un plan ideado e trazado polo capital transnacional que só se pode combater denunciando o sistema explotador no que nos inserimos. É así, pois, que demandar soberanía nacional non é só pedir máis competencias ou máis autogoberno, é reivindicar unha democracia real para o noso pobo que ten que pasar indubidablemente na superación do capitalismo e na construcción dunha alternativa xusta e igualitaria, unha sociedade socialista.
Soberanistas e de esquerdas, sen carautas, chamamos á mobilización o 25 de Xullo, día da nosa Pátria, do estudantado, da mocidade e da sociedade en xeral en Compostela nas distintas marchas que se teñen convocado ás cais acudiremos e tamén animamos á participación nos eventos festivo-reivindicativos nos que teremos presenza.
Viva Galiza ceibe!







