Convocatorias, En destaque|02/08/2012 19:53

Mobilizacións contra as touradas en Pontevedra e A Coruña

Dende a Liga Estudantil Galega chamamos á participación dos diversos actos antitaurinos que terán lugar este mes na provincia de Pontevedra e na de A Coruña.

Opoñémonos as touradas porque constitúen unha actividade que só fomenta a violencia inxustificada e repetitiva contra un animal, que ademais está indefenso ou coas súas facultades sensoriais mermadas. Non se pode considerar máis que un insulto que se califiquen de cultura á tortura organizada dun ser vivo. Unha cultura que dende logo nada ten que ver co noso país, como o ratifican as múltiples enquisas nas que máis do 85% das galegas e galegos non asistiu, nin ten pensado, a unha tourada.

Apoiamos as múltiples convocatorias das plataformas Galiza Mellor sen Touradas e Touradas Fora de Pontevedra que buscan a abolición deste tipo de prácticas crueis contra os animais e que ademais son subencionadas polos concellos, directamente ou a través de favores e cesións, co agravante da época de recurtes sociais que estamos a vivir.

Aquí o manifesto íntegro:

As touradas están baseadas na tortura, a dor e o ensañamento do touro. Transmiten valores negativos, como o uso inxustificado da violencia, o desprezo cara os dereitos dos animais, o goce coa tortura e o maltrato animal. Segundo a Declaración Universal dos Dereitos dos Animais, artigo 11:”todo acto que implique a morte dun animal sen necesidade é un biocidio”.
As tradicións deben funcionar como soporte do que nos define, mais tamén do que esperamos do futuro. Aquelas que están sustentadas na violencia e no aniquilamento non fan máis que perpetuar comportamentos que deben ser rexeitados da sociedade. Ademais, para os galegos e galegas, as touradas non teñen nada que ver coa nosa historia nen coa nosa cultura, chea de tradicións populares que esmorecen e que sí son dignas de recuperación.
As temporadas taurinas, as escolas e as gandarías son financiadas con diñeiro público que tamén pagamos as galegas e os galegos, que somos os que menos interese temos nas touradas en todo o Estado. Segundo diversas enquisas, o 90% consideramos que a tortura dos animais como diversión debe ser suprimida, e a inmensa maioría da poboación nunca asistimos nen asistiremos a unha corrida de touros.
Eliminar as touradas non é unha utopía, como demostran os casos de Catalunya e de Canarias.
Por todo isto demandamos:

  • 1. O cese inmediato de axudas encobertas ás touradas por parte de todas as Institucións Públicas, nomeadamente a Deputación de Pontevedra, principal soporte público na nosa cidade.
  • 2. Que o Parlamento de Galiza modifique a Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade, que exclúe no seu artigo 5º as touradas, para que prohíba estas actividades.
  • 3. O cese de uso de espazos públicos para a promoción das touradas, así como a supresión dos programas das festas editados polo noso Concello.
  • 4 A Declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos animais”
  • 5. A reconversión da Praza de Touros nun Coliseu para espectáculos culturais e concertos.

A Coruña:

4 de agosto, concentración na Praza de María Pita ás 19h

Pontevedra:

11 de agosto, manifestación que sairá da Peregrina ás 20h

  • Share this post:
  • Facebook
  • Twitter
  • Delicious
  • Digg