En destaque, Novas|22/06/2012 16:03

Contra a ordenanza de ocupación da vía pública de Santiago

Desde o seu nacemento como cidade, Santiago de Compostela fixo de Galiza un referente cultural ao ser un espazo para o desenvolvemento de diferentes movementos sociais e culturais, na reivindicación social, na arquitectura, nas artes plásticas, na música ou na literatura.

Na época contemporánea xermolou na nosa cidade un importante movemento asociativo que a través de iniciativas diversas e sen ánimo de lucro (concertos, festas, deporte, cinema, exposicións, xogos infantís, manifestacións…) fixo das rúas e prazas de Santiago de Compostela un espazo público dinámico, útil, atractivo e de expresión cultural e cidadá que leva xerado numerosos beneficios socias e mesmo económicos.

O Concello de Santiago como institución debería velar polo mantemento dos espazos públicos coomo lugares para a iniciativa cidadá e para a convivencia normal do conxunto da sociedade.

Porén, no último ano vimos asistindo a tentativas por parte da administración local de establecer unha sorte de censura previa sobre
actividades que até o de agora se viñan celebrando con normalidade por parte dos diferentes colectivos e entidades sociais de Santiago de Compostela.

O concello de Santiago parece non entender que o desenvolvemento de actividades culturais non pode estar submetida aos gostos ou
principios ideolóxicos do goberno municipal, senón ao pluralismo existente na sociedade.

O último exemplo de ataque á celebración de actividades culturais nas rúas e prazas é a ordenanza municipal de utilización dos espazos públicos, pretende converter en sospeitosas e potencialmente conflitivas, o que até o momento foron actividades culturais
celebradas na vía pública, e xa que logo, de encontro, de convivencia e de expresión democrática.

Só poderán organizar actividades na rúa as entidades que conten co favor da Alcaldía.

Afecta a:

PROBAS DEPORTIVAS, ACTOS CULTURAIS , FESTAS POPULARES E ANÁLOGAS: cacharelas de San Xoán, Música na rúa, teatro na rúa, cinema na rúa, Magostos, Entroido, Festas nos bairros e parroquias, xogar na rúa… incluídos os organizados por entidades sen ánimo de lucro: Asociación veciñais, culturais, xuvenís, deportivas, comisións de festas…
Obriga as entidades sen ánimo de lucro a:

  • Pagaren unha taxa municipal dez días antes aínda carecendo de ánimo de lucro (art. 109.2).
  • Pagaren unha taxa polo engache de luz, ademais da tarifa eléctrica correspondente (art. 109.3)
  • Depositaren garantías económicas previas á celebración de “eventos de carácter cultural, festivo, deportivo ou similares que desexen utilizar os bens públicos municipais ou instalacións municipais” (art. 110.1). Esta garantía depositada non será devolta até contar cun informe técnico (art.110.2)

Ademais:

  •  Prohibe a celebración de actividades que requiran megafonía: música na rúa, concentracións, actividades deportivas, sociais, culturais… (art.109.4)
  • Permite a revogación dun permiso previo sen prazos e á vontade do Concello.
  • Permite a revogación dun permiso xa concedido, por parte dos axentes de tráfico ou de mibilidade, se non se teñen a mana por parte dos organizadores (art. 111.2) ou se os axentes o estiman oportuno (art 112.2)

Aquí tedes o dítico que se repartirá estas semanas pola cidade

Este venres voltarase a colocar as mesas no Toural dende as 6 da tarde para recoller sinaturas que paren esta ordenanza. A rúa é de todas!

  • Share this post:
  • Facebook
  • Twitter
  • Delicious
  • Digg