Actividades, En destaque, Novas|06/03/2013 21:35

Actos da Liga con SOS Sanidade Pública en Pontevedra e Compostela

O ataque sistemático que vive o ensino público no conxunto do Estado español non se pode concibir de xeito illado, senón no seo dunha política suicida de derrubamento dos servizos públicos, un bombardeo aos piares sobre os que sustentar unha igualdade real que permita ás traballadoras non ser cidadás de segunda, carentes de oportunidades, posibilidades e dereitos. É por isto que, entendendo o ataque á sanidade pública como unha acción bélica máis no seo dunha soa guerra, a organización ten decidido integrarse no seo da Plataforma SOS Sanidade Pública xa hai moitos meses. O Real Decreto Mato, no que se selou a fin do modelo universal de sanidade, excluíndonos ás mozas desempregadas menores de 26 anos da prestación de saúde, reforzou o noso convencemento na necesidade de traballar arreo coas compañeiras de SOS. Neste senso, no presente curso, o 4 de decembro tense celebrado en Compostela un acto público ao aire libre de mocidade en defensa da sanidade pública que permitiu denunciar os lesivos recortes e plantexar a necesidade de mudar de rumbo.

Despois dese evento, pasadas as probas académicas, dende a Liga Estudantil Galega, cremos necesario un segundo impulso, un pulo que pasa polo debate, pola análise da situación, organizando palestras, e polo combate nas rúas, unha vez morta a vía institucional co rexeitamento da ILP presentada no Parlamento, en forma de manifestacións. Interiorizada xa na organización a importancia da implicación, por primeira vez as iniciativas non se levarán a cabo só en Compostela por parte das compañeiras de Medicina, senón que terán lugar os primeiros actos fóra da capital.


Xornadas Medicina


Á espera dun futuro gran acto nacional de mocidade de SOS Sanidade Pública, a nosa colaboración coa plataforma concretarase neste mes de marzo coas seguintes actividades:

-Xornadas da Sanidade Galega. Aula Castelao, Medicina, Compostela.

Os días 11 e 12 de marzo, en horario de tarde, a Liga en colaboración con SOS organiza unha serie de charlas, validábeis por un crédito de libre elección, que tratarán sobre a relación existente entre a industria farmacéutica e a sanidade pública:

Luns 11:

Ás 17. Modelo sanitario e determinantes da prescrición médica por Pablo Vaamonde, especialista en Medicina Familiar, ex presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria e autor do libro A saúde como negocio.

Ás 19. Políticas, estratexias e recursos ao servizo da prescrición racional por Bernardino Pardo, especialista en Medicina Familiar e titor da Unidade Docente de Medicina Familiar en Lugo.

Martes 12:

Ás 17. Prescrición farmacéutica, uso das tecnoloxías e sustentabilidade do sistema sanitario por María Luísa Lores, especialista en Radioloxía, Mestrado en Xestión de Economía da Saúde e membro da Xunta Directiva da Sociedade Galega de Calidade Asistencial.

Ás 19. Intereses comerciais e políticas de saúde por Carlos Ponte, ex xefe do servizo UCI do Hospital Central de Asturies, presidente da Plataforma Non Grazas.

pontevedra3

Palestra en Pontevedra.

A Liga Estudantil Galega estará presente na palestra que baixo o título de Recortes e privatización no sistema sanitario, terá lugar o 13 de marzo no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Participará Xoaquín A. Corbacho, profesor de Economía na UdC.

Manifestacións

A Liga Estudantil Galega anima ao estudantado a participar nas comitivas das manifestacións que terán lugar en Vigo, o 14 de marzo e en Pontevedra, o 21 de marzo en defensa do carácter público e de calidade dos seus hospitais.

Seguiremos informando das novas convocatorias de SOS porque a sanidade non se vende, deféndese!

  • Share this post:
  • Facebook
  • Twitter
  • Delicious
  • Digg