En destaque, Novas|06/03/2013 12:50

A revolución bolivariana continuará

Hugo_Chavez_puo

No día de onte morría o comandante da Revolución Bolivariana Hugo Chávez logo dunha durísima batalla de máis dun ano e medio contra un cancro que finalmente non puido vencer. De humilde nacemento, Hugo Chávez e outros militares de formación progresista déronse a coñecer no Caracazo, un intento de acadar o poder en 1992 contra unha oligarquía corrupta e depredadora. Porén, nesa ocasión fracasou e non foi até 6 anos despois cando, desta vez a través das urnas, comezou un período de profundísimos cambios sociais en Venezuela dirixidos polas clases populares desde unha óptica patriótica e antiimperialista que tanto teñen sido referencia para moitos movementos de liberación nacional do mundo.

O proceso bolivariano en Venezuela levou á mellora xeral do País cun novo sistema co socialismo como base. Nacionalizáronse as empresas estratéxicas do País como as petrolíferas ou as do sector eléctrico, leváronse a cabo políticas que permitiron a reducción da pobreza, do 50% que acadaba en 1998 até o 22,5% actual (cun descenso da pobreza extrema do 21% ao 6,5% actual), apostouse pola construción xeneralizada de vivendas por parte do estado para que toda persoa en Venezuela tivese acceso a elas e construíronse milleiros de quilómetros de infrastruturas viarias e ferroviarias.

Posibelmente un dos logros máis destacados da Revolución sexa, sen dúbida, no eido do ensino. O Ministerio do Poder Popular para a Educación Universitaria creou un novo paradigma coa a inclusión dos indixenas na educación, a creación de becas, a potenciación do seu carácter público, etc.

Até 1999 o ensino estaba reservado para as grandes fortunas a causa dos prezos abusivos das matrículas. Coa chegada ao poder de Chávez o goberno recuperou competencias en educación e conseguiu deste xeito que as matrículas se reducisen e con isto que as clases populares accedesen ao ensino superior.

As “Misións bolivarianas” do goberno conseguiron a mellora educativa de Venezuela. Varios exemplos son a Misión Robinson, orientada a alfabetizar a xente que non sabía ler ou escribir, até chegar a ser territorio libre de analfabetismo; a Misión Ribas, que axuda a reinsertar a xente que abandonara o ensino; e sobre todo a Misión Sucre, creada en 2003, que consigue que o estudantado de ensino medio acceda ao ensino superior e ademais crea unha vida comunitaria dentro do ensino que promove uns valores favorábeis ás maiorias sociais. O 72% de nenas asisten ás garderías públicas e o 85% de nenas en idade escolar asiste á escola. Desde a chegada de Chávez reformáronse milleiros de escolas e creáronse dez universidades novas.

Aínda así, a dereita neoliberal conseguiu crear movementos estudantís financiados por elementos reaccionarios como o Partido Popular que, por medio do medo, como o uso das armas ou de falsas imaxes, queren crear unha imaxe errada dos logros neste eido.  Con todo, non se pode ocultar os avances e melloras acadadas grazas ao proceso bolivariano que, en materia de ensino e en moitas outras, abre o camiño a outros países latinoamericanos.

Facemos nosas as palabras de dous grandes históricos:

Un pobo culto é instrumento precioso da súa propia liberación.” José Martí

Hugo Chávez é un demo. Por que? Porque alfabetizou  2 millóns de venezolanos que non sabían ler nin escribir, malia que vivían nun país que ten a riqueza natural máis importante do mundo, o petróleo. Eu vivín nese país algúns anos  e coñecín moi ben o que era.  Chámana a “Venezuela Saudita” polo petróleo. Tiñan 2 millóns de nenos que no podían ir ás escolas porque non tiñan documentos. Aí chegou un goberno, ese goberno diabólico, demoníaco, que fai cousas elementais, como dicir ‘os nenos deben ser aceptados nas escolas con ou sen documentos’.” Eduardo Galeano

Viva a Revolución bolivariana!

Até sempre, Comandante!

  • Share this post:
  • Facebook
  • Twitter
  • Delicious
  • Digg