O Goberno de Sebastián Piñera continúa coa imposición do plan neoliberal que asola o sistema educativo chileno. As medidas, que non fan máis que parchear un obsoleto modelo da época Pinochet estruturado en torno á non-intervención do Estado, ameazan un sistema que xa de por si é un dos máis desiguais e caros de América.
A resposta do estudantado non se fixo agardar. Xa en 2011 advertiran ao mundo da súa capacidade de organización e axitación. Este ano, contra o prognóstico de analistas e sociólogos, o movemento estudantil chileno volveu eclosionar. Responderon coa ocupación nas primeiras semanas de agosto da sede central da Universidade de Chile, levaron ao paro total de actividade en 14 carreiras da mesma e convocaron varias manifestacións secundadas por milleiros de estudantes. Eloísa González, a voceira dunha das organizacións estudantís transmitía dun xeito simple e directo a mensaxe ás institucións: “Acabamos de iniciar un novo estalido social.” E anunciaba a inminente presentación dun calendario de mobilizacións cuxo obxectivo é intensificar o nivel das protestas.
Por suposto, o Goberno de Piñera ante a resposta do estudantado procedeu coa represión de calquera brote de mobilización social. A FECh denunciaba o pasado domingo 26 o ataque de carabineiros a estudantes no Instituto Nacional e na Casa central da Universidade de Chile, deixando como saldo persoas feridas e numerosas detencións.
Dende a Liga Estudantil Galega condenamos a actuación do Goberno de Chile, do mesmo xeito que condenamos todas as represalias que se teñen tomado contra o estudantado galego nas recentes mobilizacións en contra das reformas dos Gobernos de Feijoo e Rajoy. E por suposto apoiamos ao movemento estudantil chileno na súa marcha por acadar un ensino público, gratuíto e de calidade.






