En destaque, Novas|08/03/2013 11:27

8 de marzo: desmontando o patriarcado

CARTAZ 8 MARÇOUnha vez que xa coñecemos algo máis do nacemento desta data reivindicativa, imos afondar no presente. No contexto actual, onde as políticas económicas e sociais atacan directamente ás mulleres, as estudantes rebeldes e comprometidas temos que denunciar a situación de precariedade á que nos somete o sistema.

O conxunto de recortes e leis coas que intentan lexitimar e perpertuar o seu sistema capitalista e patriarcal non fan máis que afondar na desiguldade, creando, deste xeito, maior dificultade ás mulleres á hora de atopar traballo, aumentando o desemprego feminino (que ascende a preto de 150.000 mulleres na Galiza) e os contratos a tempo parcial, perpetuando a discriminación salarial (a pesar de presumir de avances nesta materia) e o rol de coidadoras que acompañou ás mulleres ao longo da historia. Coas súas medidas fan que sexa imposíbel traballar na nosa terra, por iso son xa arredor de 37.500 mulleres de entre 15 e 34 as que tiveron que emigrar  dende o começo da crise na procura dun futuro, segundo denunciaba a Secretaría de Muller da CIG  hai uns días.

Os gobernos, tanto estatal coma autonómico, están levando a cabo un proceso de cambios na lexislación  mediante os cales pretenden deixarnos relegadas no fogar, sen traballo, afundidas na precariedade.

- A modificación da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva ou da Lei de apoio a familia e a convivencia de Galicia que pretenden impoñernos a súa moral, eliminando a nosa propia identidade á hora de decidirmos sobre os nosos corpos e  fixando un modelo de familia heterosexista.

-A modificación de Reforma Laboral que afecta a toda a clase traballadora, pero en especial ás mulleres, xa que afonda nas desigualdades salariais, favorece o traballo a tempo parcial por medio de horas extras que ampara á libre flexibilidade horaria á vontade dos patróns,  recorta os dereitos  de conciliación da vida laboral, persoal e familiar e elimina a subvención como incentivo para o mantemento de emprego e a igualdade de oportunidades.

-Leis como a de dependencia ou plans como o de dinamización demográfica que desterran ás mulleres ao rol de coidadoras porén, non debemos esquecer que todas elas tamén son traballadoras a pesar de non ser asalariadas e polo tanto reivindicamos dende aqui o seu papel como tal.

Este é o futuro que  patriarcado e capital queren para nós,  por iso,  dende a Liga Estudantil Galega, apoiamos  e chamamos a todo o estudantado a acudir á convocatoria feminista que terá lugar por segundo ano consecutivo en Compostela o sábado día 9 dende a Estación de tren ás 12h30 , nós como estudantes rebeldes e combativas sumámonos ás Mulleres Galegas en Loita polos nosos dereitos.

Precarias nos queren, rebeldes nos terán!

Viva o 8 de marzo! 

Viva a resistencia feminista!

Tags:
  • Share this post:
  • Facebook
  • Twitter
  • Delicious
  • Digg