Achégase máis un 8 de marzo e queremos lembrar a importancia desta data como reivindicación das Mulleres. Dende o nacemento da nosa organización sempre evitamos deixar as nosas reivindicacións e o noso traballo no eido feminista en meras datas conmemorativas pero a grave situación actual non permite escapar de datas coma esta. Para coñecermos a importancia desta data debemos remontarnos ás súas orixes.
Se ben é certo que a orixe desta reivindicación non é clara, unha das principais teorías fala dunha folga de obreiras no 1857 en Nova York, na que os patróns incendiaron a fábrica morrendo así 129 obreiras, con todo este feito non é moi claro e algunhas correntes chegan a afirmar que tal suceso nunca tivo lugar.
Porén, o que si que está claro é cando se propuxo e cando se comezou a celebrar. En 1910 tivo lugar en Copenhague a II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas onde se aprobou a resolución proposta por Clara Zetkin proclamando o Día Internacional da Muller Traballadora, apoiada unanimemente polas cen asistentes á conferencia. No ano seguinte conmemorouse por vez primeira, o 19 de marzo en Alemaña, Austria, Dinamarca e Suíza onde tiveron lugar mitins de máis dun millón de persoas que esixiron para as mulleres o dereito a voto e a ocuparen cargos públicos, o dereito ao traballo, á formación profesional e á non discriminación laboral. Menos dunha semana despois, o 25 de marzo, ocorreu un tráxico suceso onde máis de 140 mozas traballadoras, a maioría inmigrantes, morreron nun incendio na fábrica de camisas Triangle Shirtwaist de Nova York, o que fixo que a partir daquela a conmemoración desta data denunciara as condicións laborais que o permitiron.
No marco dos movementos a favor da paz anteriores á I Guerra Mundial, en 1913, en Rusia celebraron o seu primeiro Día Internacional das Mulleres a finais de febreiro. Pero non foi até 1914 cando se celebrou por primeira vez no 8 de marzo de xeito oficial, en Alemania, Suecia e Rusia, no resto de Europa celebraronse mitins en torno a esta data para protestar pola guerra e para solidarizarse coas demais mulleres. Xa no contexto da I Guerra Mundial, tivo lugar a Revolución de Febreiro en Rusia, no medio dese proceso revolucionario tivo lugar a conmemoración do 8 de marzo celebrándose unha serie de mitins e manifestacións que adquiriron un carácter político e económico. Incidentes entre amas de casa nas longas colas por conseguiren pan convertíronse en manifestacións espontáneas contra a monarquía. Despois do triunfo da Revolución de Outubro a coñecida feminista Alexandra Kollontai, nomeada Comisaria do Pobo para a Asistencia Pública, logrou o voto feminino e a legalidade do aborto e do divorcio e instarouse o 8 de marzo como festa oficial (laborábel) na Unión Soviética. Tras esta declaración de oficialidade para esta, moitos países seguiron o exemplo, como foi o caso de China, en 1922 ou o Estado español no 1936. Foi, finalmente, no 1975, cando un organismo mundial, a ONU, declarou o 8 de marzo Día Internacional das Mulleres.







